S.XV

   O século XV marca o paso da Idade Media á Idade Moderna que se estenderá ata a Revolución Francesa en 1789. Desde o punto de vista artístico o estilo gótico seguirá vixente en Europa, mentres que na península italiana, con centro en Florencia, iníciase o Renacemento, baseado no Humanismo, na recuperación da Antigüidade clásica, e apoiado na invención da imprenta que facilitou a difusión dos escritos antigos e das novas teorías intelectuais. 
    Durante este século, xunto as actividades agrícolas prodúcese un auxe do comercio, que facilitou a entrada en Europa de tecidos, sedas, brocados e deseños, adamascados, xoias e accesorios, e con el o desexo de posuílos como símbolo de estatus. En paralelo, o desenvolvemento das cidades facilitará que sexa nelas onde xerminen as novas formas de vestir, ligadas ao ascenso da burguesía, que dominaba o mercado e o comercio e imporá as tendencias na indumentaria do período. No século XV dous focos concentraban as novas modas e indumentarias: a Corte francoborgoñona e Florencia. A eles sumarase nas últimas décadas do século a influencia da Coroa de Castela. 
    O Ducado de Borgoña estaba conformado por unha serie de cidades como Amberes, Gante, Bruxas… da actual Bélxica e do Norte de Francia, nesta zona producíanse fermosos tecidos que conquistaron os mercados europeos. A rica burguesía amosaban o seu poder vestindo hopalandas, xaquetas, xubóns realizadas en seda, liños finísimos, las, e peles de lobo, armiño, zorro… Nesta zona destaca a importancia que se lle dá aos cortes de pelo e aos enormes e variados tocados.


   Polo que se refire á Florencia dos Medici, vai ser o centro da moda e o estilo no primeiro Renacemento, no Quattrocento. O dinamismo do comercio e da banca favoreceu a riqueza burguesa, que aspiraba a unha equiparación coa nobreza e que ditaba a moda con novos modelos indumentarios caracterizados sobre todo pola ampla gama de tecidos, vivas cores e xoias, polo refinamento e a suntuosidade.


   Os gremios téxtiles, sobre todo o da la, a parte de ser mecenas e impulsores do desenvolvemento artístico, producirán deseños de veludos con fíos de ouro e prata, que se vendían a toda Europa que serán recollidos nas pinturas de artistas como Fra Angelico ou Massolino. E á inversa, deseños deses artistas foron incorporados ao repertorio téxtil.


   Na península Ibérica, na Coroa de Castela, coincidindo coa chegada ao poder dos Reis Católicos, a fins do XV, crearanse unha serie de prendas que terán un enorme desenvolvemento en séculos posteriores: verdugo, tranzado e chapíns. A partir deste momento e durante os séculos seguintes a Corte, formada pola familia real e os seus nobres vasalos, será un lugar de creación de novas modas e comportamentos.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

INTRODUCIÓN