S. XVI

No século XVI en Europa impulsáronse as Monarquías Autoritarias,sobre todo en España, Gran Bretaña e Francia. Socialmente, mantense a estrutura de períodos anteriores coa división en privilexiados e non privilexiados. Ademais, este século estará determinado pola ampliación dos horizontes xeográficos, sobre todo co descubrimento e dominio colonial de América, e pola ruptura da unidade relixiosa co xurdimento do Luteranismo, Calvinismo, Anglicanismo e a reacción católica coa Contrarreforma. Todos estes elementos afectarán de maneira moi forte a vestimenta da época.

Do século precedente manterase o gusto polo oriental, os tecidos de luxo e as sedas que constituirán a forma de vestir da Corte e dos monarcas. Estes desexaban manifestar mediante a riqueza exclusiva das súas vestimentas o seu poder recuperado e fortalecido con respecto ao período medieval. A produción de téxtiles: la, liño, encaixes, sedas benefíciase da aparición de novos tintes, como a escarlata ou cochinilla de Armenia e Brasil, o palo campeche das Indias ou de Ceilan, o índigo de Bagdad, ou o azafrán de Levante ou das Indias. Polo que se refire á moda agora virá determinada polos monarcas, reis e raíñas imporán as novidades que se estenderán por toda Europa: acoitelados, verdugados, braguetas, teas bordadas e riqueza de colorido, que subliñaban o carácter individual ligado ao Humanismo.

Durante as primeiras décadas do XVI, haberá certa variabilidade na indumentaria que será diferente segundo o Estado europeo. Mais, destacarán o reino de Inglaterra, determinado pola figura de Enrique VIII e, sobre todo a Monarquía Hispánica a partir de 1530.

Polo que se refire a Inglaterra impóñense os vestidos de escote cadrado e mangas largas nas mulleres e xubóns moi curtos e calzas acoiteladas no caso dos homes. A elo hai que engadir o gusto polo luxo esaxerado e extravagante con xubóns de satén ou corpiños decorados con diamantes.

Durante os reinados de Carlos I e sobre todo de Felipe II, o Imperio español domina a política europea, os ditados na vestimenta da Monarquía Hispánica convértense no modelo a seguir até o século XVII, creando un estilo tipicamente español. As prendas serán ríxidas, inmóbiles como se esixía na Corte española, e que amosaban a altivez e orgullo sobreentendidos nesta Monarquía.

Como consecuencia do dominio hispano a cor negra, negro español, imponse como tendencia en tódalas Cortes europeas. Implantado por Carlos I e Felipe II , considerábase sobrio e elegante. O tinte chamado “ala de corvo” extraíase dunha árbore americana, o palo Campeche, e daba aos tecidos unha cor intensa. Era moi cotizado e o seu prezo era elevado.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

INTRODUCIÓN