Belle époque

   A Belle Époque é o nome co que se coñece o período comprendido entre 1871 e 1914. Entre o remate das unificacións alemá e italiana, e o comezo da 1ª Guerra Mundial. Este período estará caracterizado politicamente polo dominio das ideoloxías burguesas e a auxe dos movementos obreiros, así como pola busca dun difícil equilibrio europeo que callará no establecemento da Paz Armada. Ademais, desenvólvese o Imperialismo europeo, e con el a chegada de novas materias primas a Europa. Londres convertirase no centro financeiro mundial. 
Neste período asístese ao desenvolvemento da 2ª Revolución Industrial, e con ela ao xurdimento de numerosas innovacións: petroquímica, farmacéutica, automóbil, metro… 
 Cara mediados do século XIX o nivel de vida mellorara e as actividades de ocio multiplicáronse. Viaxar ás aforas da cidade era posible co desenvolvemento dos transportes públicos, e a idea de descanso e joie de vivre estendeuse sobre todo entre as familias burguesas, as reunións no campo, preto do Sena, caracterizan o período. A moda reflicte estas novidades, sombreiros de palla con flores decorativas, colos altos e o uso do algodón como material preferente, e fermosos estampados. En 1856 invéntase a anilina, o primeiro tinte sintético, o que supuxo a aparición de novas cores para a indumentaria: azuis, malva, vermellos intensos...

Desde o punto de vista cultural, Francia seguirá como nos séculos precedentes sendo a capital da cultura, sobre todo da arte e da moda. Desde finais da década dos 60 o miriñaque foi substituído polo polisón. Este permitía dar volume na parte traseira mentres que por diante as faldas eran planas. As faldas todavía salientaban máis a parte posterior co uso de recollidos esaxerados.

A principios do século XX, as tensións políticas aumentaron considerablemente, sobre todo derivadas dos enfrontamentos polo control dos territorios coloniais. Porén, a poboación parecía allea a estas tensións e a moda cada vez chega a máis capas da poboación debido aos avances na impresión e con elo a proliferación de revistas de moda, como Vogue. Será o inicio do consumo masivo e da publicidade. Cara 1905 a indumentaria era maioritariamente de fabricación industrial, e as prendas a miúdo vendíanse en tendas departamentais cun prezo fixo, aínda que fose difícil atopar a talla adecuada. Nas mulleres as figuras tenden a presentar unha figura máis recta con talle alto, márcase a cintura e as mangas serán a principios de século de tipo pernil.


Tódalas innovacións e cambios que son evidentes na moda feminina, sen embargo, son prácticamente inexistentes no caso dos homes. Neste período a vestimenta dos homes fíxose moi sobria. O traxe masculino constaba de tres pezas básicas: chaqueta larga, con colo e solapa, chaleco, da mesma tea que a chaqueta, e un pantalón que adoitaba ter un dobradillo cara fóra.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

INTRODUCIÓN