S. XVIII

   Os séculos XVII e XVIII foron en Francia, centro cultural da época, período de contrastes nos que, mentres que o pobo se vía asolagado por numerosas adversidades, os grupos privilexiados (clero e nobreza) gozaban dunha vida de luxos e grandeza, remarcando así a desigualdade entre os estamentos privilexiados e non privilexiados. O primeiro estaba formado por aqueles que dende o seu nacemento gozaban de superioridade social e económica; mentres que o estamento dos non privilexiados víase obrigado a pagar impostos e na súa maioría a vivir na pobreza. Neste estamento destacaba a burguesía de maior nivel económico, enriquecida polo traballo comercial que, a pesar de non gozar de privilexios, tiña aceso aos medios e riquezas, adquirindo así a importancia que os incluirá na historia da moda destes dous séculos.

   No século XVIII en Gran Bretaña iníciase a Revolución Industria, pero, en Francia, a economía que continuaba a ser de base agrícola amosou na primeira metade do século pequenas melloras debido a condicións meteorolóxicas favorables. Isto causou o enriquecemento dos estamentos privilexiados, que aumentaron a inversión económica en distintos ámbitos. Un dos beneficiados foi a moda, facendo así de Francia o líder indiscutible do estilo europeo da época, un estilo elegante, sofisticado e recargado, ao compás do desenvolvemento do rocoó, cuxa influencia irradiaba a toda Europa á par que o país se convertía na principal potencia política. O vestido á fancesa, robe à la française será o traxe de etiqueta para a Corte até a Revolución.

   A monarquía, pola súa parte, logra recuperar o poder que perdera na Idade Media fronte á nobreza, dando a lugar a unha monarquía na que o rei goza de todos os poderes (xudicial, lexislativo e executivo): a monarquía absoluta. Dito poder verase reflectido nas rechamantes e recargadas vestimentas dos reis. As desigualdades da época e a Ilustración (nova corrente de pensamento que se orixina pola concienciación destas desigualdades) ocasionarán no século XVIII revoltas por parte dos non privilexiados que se verán agravadas por unha crise causada polos excesos do século anterior, dando lugar a un dos sucesos máis importantes da historia: a Revolución Francesa en 1789

   Nesta Francia contraditoria contábase con numerosos novos materiais exóticos traídos de outros territorios. Esta situación viña dada polo anterior desenvolvemento do mercantilismo, que favorecía o intercambio de recursos a través de rutas comerciais. Isto daría lugar ao uso de novos tecidos e minerais á moda por parte daqueles que podían permitirso. Para as mulleres o fundamental na moda, sobre todo durante o Rococó, a fins do XVII e principios do XVIII, era o refinamento, a elegancia, a decoración e a coquetería, e esta riqueza e luxo manifestábase mesmo na roupa interior.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

INTRODUCIÓN