S. XX

   Desde o punto de vista histórico considérase que o século XX comeza en 1914. Os cambios políticos, sociais e económicos derivados da Primeira Guerra Mundial son tan importantes que marcarán un antes e un despois. Tras a 1ª Guerra Mundial, e o triunfo da Revolución Rusa, nos anos 20  hai un período aparente de crecemento que se manifesta tamén na moda. Esta faise máis cómoda, menos ríxida. As mulleres incorporáranse ao mundo laboral durante o conflito bélico, e agora demandarán tanto a capacidade de voto, como a liberdade nas vestimentas.

   As mulleres queren prendas prácticas e cómodas, liberando os seus corpos dos corsés con vestidos rectos e de cintura alta, se ben é certo estes non desapareceron dun día para outro, mais este feito foi un cambio revolucionario na nova moda feminina do século XX, peinados garçonne ou bob, e por influencia do art decò úsanse motivos vexetais e animais que se estamparon nas teas da época, sombreiros cloché, zapatos de tacón con correa. Son as flappers que adoitan vivir alegremente, asistindo a bailes e escoitando jazz que é a música de moda.

   Despois da Gran Guerra, política e socialmente asístese ao declive de Europa. O continente queda debilitado tras o conflito bélico, e pasará a depender dos Estados Unidos, será este país, precisamente o que marque a partir de entón, os cambios na vestimenta. A isto hai que engadir o papel que o desenvolvemento da sociedade de masas, publicidade, créditos xogará na “democratización” da moda. Pero, no ano ‘29 o crack de Wall Street, e a conseguinte depresión económica mundial sacuden a poboación. Milleiros de persoas perden o seu posto de traballo e o seu fogar. Na moda, estas circunstancias, fixeron que esa liña recta dos vestidos dos ‘20 desaparecera. Os vestidos seguiron a ser esveltos, pero volveu realzarse o busto, e a cintura volveu ao seu lugar natural.

   A partir da Segunda Guerra Mundial que remata en 1945, o mundo divídese en dúas metades, capitalista e comunista. A primeira con centro nos EEUU, e neste país, e en Europa occidental, desenvólvese nos anos sesenta unha era de consumo, apoiada na produción masiva en tódolos sectores da moda. Xeralizáronse as innovacións tecnolóxicas, e con elas o desenvolvemento de fibras artificiais. O resultado é a aparición de prendas de boa calidade e a prezos razonables. É o prêt à porter. As revoltas do maio do ‘68, o desenvolvemento do movemento hippie, pacifista, a canción protesta e contrario aos conflitos bélicos, como o de Vietnam, o desenvolvemento decidido do feminismo, o xurdimento do fenómeno das fans con grupos como os Beatles… A moda necesitaba expresar novas emocións. Así xorde a mini da man de Mary Quant, xeralízanse os vaqueiros que serían o signo da prosperidade americana, os pantalóns de pana, e pata de elefante, as túnicas, os peiteados desestruturados, as melenas longas e soltas… E a moda agora, tende a ser unisex. Si, ata os anos cincuenta os homes seguiron mantendo os mesmos tipos de traxes, agora tamén se liberan, e levan roupa de vivas cores, mesmo con encaixes e adornos. Ao menos os máis novos.

   Nos anos oitenta imponse a chamada moda do power dressing, que supón que as mulleres pretenderán manifestar unha imaxe de autoridade, non exenta de femeneidade que será evidente nas ombreiras. Porén,nos noventa, a moda decididamente democratízase, úsase como elemento para diferenciar as “tribus” con distintos intereses sociais, políticos ou culturais, e, en xeral, é o todo vale. Os códigos de vestimenta que eran característicos de períodos anteriores teñen desaparecido. Porén, a prenda máis característica seguirá sendo o vaqueiro.

   En definitiva, chegado o ano 2000, e o século XXI, mesmo o vaqueiro parece estar a piques de desaparecer substituído pola moda que podemos chamar deportiva. Ao igual que ocorrera co propio vaqueiro que pasou de ser unha prenda de traballo a unha das máis características do século, hoxe en día os leggins, as deportivas, os chandals están a perder o seu uso característico, estanse a converter no básico dos máis novos. Por outra banda, as casas de costura importantes ao longo do século foron compatibilizando a haut couture co prêt à porter, os seus prezos fixéronse máis asequibles, pero, aínda así, lonxe do consumidor medio que adoita comprar nas grandes cadeas que se desenvolven no actual mundo globalizado e que venden por todo o planeta, é roupa de “usar e tirar”, ponse e recíclase por apps como Wallapop. De tal xeito, que a moda paradoxicamente tende á uniformización, mentres se reivindica a diferenciación.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

INTRODUCIÓN